
Os altos prezos dos móbiles avanzados e a guerra de portabilidades fai que a súa subvención deixe de resultar rendible, polo que a partir do 1 de marzo quen desexe facerse cun smartphone a través de Movistar deberá aboar prazos que van dende 10 euros/mes ata un máximo de 18 meses, para poder pagar o caro terminal, aínda que esta opción estará complementada con outras facilidades como ofertas, a recompra do móbil anterior (por ata un máximo de 245 euros) e os plans de puntos.
Aínda que esta medida non se anunciou oficialmente, xa hai compañías que reaccionan, como o fabricante LG, que a ve dun xeito moi positivo, pois ante unha posible falta de subvencións na compra de terminais os consumidores deberán mirar máis os móbiles que cubran as súas necesidades, dando un maior peso aos dispositivos de gama media, nos que o fabricante surcoreano está moi ben posicionado.
Os competidores de Movistar tamén poderían aproveitar esta oportunidade, aínda que parece máis probable que sigan os seus pasos recortando subvencións, o que podería fortalecer a posición no negocio de intermediarios como as tendas de electrónica de consumo (e outros distribuidores de telefonía móbil) ou as entidades bancarias. De todos os xeitos, o que parece evidente é que co subvencionazo os consumidores seremos máis conscientes de que os móbiles non son de balde.
HTML5 en dispositivos móbiles

O proxecto Boot to Gecko desbloquearía as limitacións do desenvolvemento web nos móbiles, achegando ferramentas para utilizar dende HTML5 toda a tecnoloxía dos dispositivos móbiles, o que permitiría dispositivos rápidos e de baixo custo, e abriría os dispositivos moito máis do que actualmente fai Android, aínda que non está claro que haxa espazo no mercado para sistemas operativos así (especialmente se atendemos á mala fortuna de MeeGo).
