A iniciativa Ellas 2.0, cuxa impulsora estivo recentemente en Santiago para dar conta do seu labor impulsando a actividade feminina de base tecnolóxica, vén de recibir un importante pulo para amplificar o radio de alcance do seu traballo. Así se deduce do seu acordo con Women 2.0, unha plataforma que ao igual que Ellas 2.0 tamén se dirixe a fomentar empresas TIC dirixidas por mulleres, só que facendo fincapé no ámbito dos Estados Unidos con Silicon Valley como centro de operacións. A unión de forzas colle corpo en Ellas 2.0 powered by Women 2.0, unha proposta para combinar recursos e chegar ao máximo número de emprendedoras de falta hispana que estean a piques de pór en marcha unha iniciativa TIC de mercado en Estados Unidos e Latinoamérica.
A idea, basicamente, é combater as baixas taxas de emprego e emprendemento feminino a base de novas tecnoloxías e impulso do talento. As organizacións, neste senso, esperan achegar os elos da cadea que faltan, precisos para completar o chimpo empresarial dunha chea de mulleres. Nun plano concreto, porán en marcha unha plataforma que inspire e apoie o medre de emprendementos femininos a nivel local, rexional e internacional; procurando activar un panorama de comercio tradicional que, grazas ás novas tecnoloxías, rompa cos límites de toda índole que lle impiden ampliar mercado.
Ellas 2.0, co-responsable do certame Startup Weekend en España (un evento que se celebra nun bo número de países e que xunta a profesionais de toda índole, mulleres e homes, para poñelos en contacto e promover xuntos a creación de empresas de base tecnolóxica), acode a esta iniciativa co obxectivo de aproveitar a gran oportunidade de crecemento económico, sustentable e racional, dos nosos días: a que achegan as mulleres.
Ellas 2.0, fundada polas emprendedoras Patricia Araque e Begoña Miguel en 2009, é unha das meirandes organizacións europeas centrada no emprendemento da muller de base tecnolóxico-dixital. Así explican esta alianza con Women 2.0: “Unindo esforzos aproveitamos dúas comunidades moi poderosas, cousa que nos vai permitir o achegamento a unha maior comunidade de mulleres, a creación de conexións profesionais de alto valor e a promoción do diálogo acerca das oportunidades existentes en Latinoamérica e na comunidade hispana de Estados Unidos”.
Ellas 2.0 e Woman 2.0 favorecerán o emprendemento feminino de base TIC en Latinoamérica
Compartir Este Artigo
