
O primeiro encontro celebrouse este xoves no Salón de Actos da Deputación de Lugo e centrouse nas curtametraxes.
Cómpre sinalar que coma noutras edicións dos premios galegos, o certame deste ano vén co seu feixe de material dixital. Isto materialízase a través da categoría Mellor Obra Interactiva, que conta este ano con dúas obras, o conto Area fai seis e Titanio e Plutonio no país do Ciclograma, de Hipotálamo Films. De ámbalas dúas pezas falamos polo miúdo hai uns días en Código Cero.
Volvendo á xuntanza deste xoves, dicir que contou coa asistencia de Sara Horta, produtora executiva de Adivina quien viene a comer mañana, que falou sobre a relación que existe ou pode existir entre a produción cinematográfica e as entidades privadas; Sonia Méndez, libretista, directora e produtora de As damas negras, que defendeu a visión máis “persoal” da creación audiovisual; Xacio Rodríguez Baño, libretista, director e produtor de Estereoscopía, que definiu a curta como unha busca persoal, “como se lles presentase o meu eu pasado ao meu eu presente”; e Iria Ares, directora de La increíble historia de Macareno y la puta milagrosa, que lle contou a máis dun cento de alumnos e alumnas da Fundación TIC presentes que o proxecto comezou como un traballo de final de carreira e acabou sendo “unha cousa enorme”.
Mañá venres, 23 de marzo, ás 11h00, será a Escola de Imaxe e Son O Raio Verde, de Santiago, o centro que acolla unha mesa redonda centrada na produción, á que asistirán Cora Peña, responsable da longametraxe documental Apash, os de fóra; Luís Usón, da curta de animación El club del bromista; Borja Pena, da longametraxe Secuestrados; e Amalia Mato, da longametraxe para televisión Reliquias.
Comezan os encontros para achegar aos nomeados aos Mestre Mateo ás escolas do audiovisual
Compartir Este Artigo
