Xuntos para traducir ao galego programas abertos e, de paso, divulgar as vantaxes deste traballo e preparar o camiño para outras achegas colectivas. Este é o alicerce das sesións de localización de software libre que leva anos organizándose ao acubillo da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, os chamados Fiadeiros dos que xa temos falado polo miúdo en Código Cero, na súa edición 2010 ou na de 2011. Este novo encontro, o IV ETSE Open de SL, así se lle coñece tamén, vén da man da Comisión de Normalización Lingüística da Escola, do Servizo de Normalización Lingüística da USC e do Proxecto Trasno.
O prazo da matrícula para inscribírmonos ábrese hoxe e mantense operativo ata o 15 de abril. Haberá dúas xornadas de formación para metérmonos de cheo no proceso de tradución (19 e 26 de abril) e unha xornada de localización e lecer propiamente dita, o sábado 28 de abril a partir das 10.00 horas. Os obxectivos desta actividade son, unha vez máis, fornecer formación técnica para a tradución de programas abertos á nosa lingua, contar con ferramentas que se integren na Universidade de Santiago, impulsar a comunidade universitaria de localización e reivindicar o galego e máis o coñecemento e o uso do software libre. A tradución ao galego dos programas contará coa supervisión do profesorado do Fiadeiro, por parellas, nunha xornada de traballo e lecer de 9 horas con música, xantar…
Ademais do recoñecemento de créditos, do diploma de asistencia (por 15 horas), de constancia da experiencia de tradución, hai un premio á parella que máis cadeas traduza e con maior calidade.
O IV ETSE Open de SL / Fiadeiro de localización de software libre está aberto a toda a comunidade universitaria da USC: alumnado, PDI e PAS.
Desenvolvemento da xornada de localización (28 de abril)
A localización farase por parellas. Disporase de material e dun ordenador por parella coas ferramentas necesarias e conexión a Internet. Encomendaráselle unha aplicación ou un conxunto de cadeas para traducir a cada parella, das seguintes:
· Universal Subtitles. Unha aplicación en liña para subtitular vídeos (9092 palabras).
· Axuda en liña do Impress de Libre Office (14 pequenas páxinas con 250 palabras cada unha).
· BlueGriffon. Editor de html e páxinas web, herdeiro da familia de editores de Mozilla como Kompozer, NVU, etc.(6000 palabras).
O profesorado, informa a organización, estará dispoñible durante toda a xornada de localización para resolver dúbidas. E engádese sobre o desenvolvemento do día de traballo: “Dado que se trata dunha actividade continuada desde as 10 ata as 19 horas, haberá petiscos, bebidas e música para facer descansos a media mañá e a media tarde; haberá tamén un lixeiro xantar común ofrecido pola organización”.
O coordinador académico da actividade será Xosé Manuel Pardo López, profesor titular do Departamento de Electrónica e Computación. Tamén se contará con Enrique Estévez Fernández, coordinador do equipo galego de localización dos produtos de Mozilla e membro do Proxecto Trasno, e con Antón Méixome, lingüista e coordinador do equipo galego de localización de OpenOffice e LibreOffice e membro do Proxecto Trasno.
Para máis información sobre a actividade, cómpre que nos poñamos en contacto co Servizo de Normalización Lingüística.
O novo Fiadeiro da USC fai un chamamento para acadar a máxima tradución de programas libres á nosa lingua
Compartir Este Artigo
