A Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago celebra este xoves os seus dez anos de actividade. Un bo feixe de anos para un centro educativo calquera pero toda unha vida para un que, como este que nos ocupa, centra boa parte da súa actividade en formar e informar do fluxo continuo de novidades e actualizacións que se dan na Sociedade do Coñecemento e a innovación. As celebracións deste xoves terán lugar no propia escola, cun acto que preside o reitor Juan Casares.
O principal responsable da USC estará acompañado do director da ETSE, Juan Lema, que abrirá unha xeira dedicada ao Nacemento dunha Escola na que tamén intervirán o ex reitor Senén Barro e o ex vicerreitor de Infraestruturas Antonio López.
A conmemoración en si mesma comezará ás 12.00 horas. E farao coa presentación da memoria de actividades da Escola durante o período 2010-2011 a cargo da secretaría do centro María Teresa Moreira. Seguirá coa entrega dos premios ao Mellores Expedientes e Mellores Proxectos Fin de Carreira, aos da Calidade Lingüística de Traballos Académicos, os Leonardo á Docencia e Leonardo á Iniciación e os de Docencia en inglés no curso 2010-2011.
Ademais, informa a USC, nesta mesma xornada farase entrega dos premios Tecnocom e Coremain ao Mellor Traballo Fin de Grao en Enxeñaría Informática, e o premio Coremain ao Mellor Traballo Fin de Master en Investigación en Tecnoloxía Informática.
A ETSE da Universidade de Santiago celebra os seus dez anos de vida
Compartir Este Artigo
