Telefónica presentou esta semana un programa para procurar canteira de novas promesas do eido TIC. Falamos do programa Talentum, un feixe de bolsas e recursos variados para estudantes universitarios. O programa vén en dúas metades: por unha banda Talentum Universities (bolsas de longa duración para achegar á mocidade a realidade empresarial) e pola outra Talentum Startups (axudas para converter en realidades ideas de innovación social do máis variado). O primeiro vai dirixido a estudantes universitarios de menos de 30 anos (Enxeñaría de Telecomunicación, Industriais, Informática, Dereito, etc) fornecéndoos de 500 bolsas cunha duración dun ano.
A idea da operadora é fomentar “o emprego estable e de calidade, amais de contribuír á renovación do talento e ao proceso de transformación de Telefónica cara a unha compañía máis global e orientada ao cliente”. Esta liña de actividade, Talentum, darase a coñecer a través dunha xira por distintos campus do ámbito estatal. O programa estará apoiado por profesionais da compañía, que se encargarán de explicar os detalles do mesmo (estrutura da empresa, proxectos máis senlleiros –sobre todo de mobilidade-, ou distintos exemplos de servizos en cuxo desenvolvemento participase xente nova).
Talentum Startups é un plan para estudantes de primeiros anos de carreira que queiran mellorar a sociedade a través da tecnoloxía. Permitiralles desenvolver as súas ideas de innovación social co apoio da operadora a través dunha bolsa na academia Wayra. O programa, informa Telefónica, “aspira a construír a primeira rede universitaria de emprendedores sociais techies, e o seu obxectivo é fomentar as habilidades da mocidade estudante con espírito solidario”. Darase prioridade a xente que veña de estudos tecnolóxicos, como enxeñeiros informáticos e telemáticos ou semellantes.
Telefónica quere botarlle unha man aos novos talentos
Compartir Este Artigo
