O picosatélite galego XaTcobeo segue a dar que falar. E non só entre especialistas ente telecomunicacións cunha longa carreira ás súas costas, senón tamén entre especialistas futuros. Dito doutra maneira: entre os nosos científicos e investigadores do mañá, hoxe en día desenvolvendo o seu labor nas escolas pero moi atentos, xa, ás cousas que pasan dentro dos computadores e por enriba das súas cabezas. Unha destas cousas é o aparello XaTcobeo, que foi debullado onte xoves, en tódolos detalles, perante uns 50 cativos de sexto curso de Primaria do colexio público vigués Escultor Acuña.
Os rapaces, informa a Universidade de Vigo (principal impulsora do picosatélite), reuníronse co equipo que deseñou e construíu o dito aparello nos seus lugares cotiáns de traballo, entre os que se atopan a cámara anecóica, a cámara de baleiro ou o centro de seguimento.
O interese das nenas e nenos non é novo. De feito, préstanlle a máxima atención ao desenvolvemento e andaina do picosatélite dende hai xa uns cantos meses, e todo da man dun equipo de profesores liderado por María Xosé Pérez, titora de 6º A. De feito, foron os propios nenos, de idades comprendidas entre os 11 e os 12 anos, os que logo do seu intenso labor de seguimento da evolución do proxecto (novas publicadas, debates, coñecemento xerado) amosaron o seu desexo de coñecer aos responsables do mesmo. As preguntas lanzadas foron moitas e variadas (en que capa da atmosfera está?; por que é tan pequeno e cales son as súas funcións? ou, que debo facer para ser astronauta?), e Fernando Aguado e José Antonio Vilán, directores do programa, encargáronse de dar resposta do mellor xeito posible.
Na cita tamén participou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen animou aos cativos a “estudar moito, a poder ser na propia Universidade de Vigo”, e aproveitou a oportunidade para agradecerlles o seu interese no proxecto.
A visita tivo lugar nas escolas de Telecomunicación e Industriais, que son os principais obradoiros e centros de traballo da iniciativa.
Uns 50 cativos de Primaria cumpren o seu desexo de coñecer onde se fraguou o XaTcobeo
Compartir Este Artigo
