A rede social LinkedIn non acaba de coller pulo en España e en terras galegas aínda menos. Para remedialo, os responsables do servizo están a promover arreo (cun vídeo de seu con diversas declaracións de persoeiros da política e do tecido empresarial) a versión española da rede, acompañando o proceso coa apertura da súa primeira oficina no país. O seu obxectivo non é outro que “afianzar o contacto directo coa súa realidade empresarial e económica”, sinalan nun comunicado os responsables desta comunidade, que conta en todo o mundo con 150 millóns de usuarios, dos cales tres acceden dende España, sobre todo (nesta orde) dende Madrid, Barcelona e Valencia. A xuízo de LinkedIn, “a presenza dos profesionais de Galicia é case testemuñal”.
De feito, a nosa Comunidade sitúase entre as de menor uso desta rede (se cadra a inclusión da lingua galega no seu seo, seguindo o exemplo de outras redes como Google+ ou Facebook non sería mala cousa para ir poñéndolle amaño á devandita eiva). Leas aparte e segundo informa a rede social, é importante achegar á comunidade empresarial española a seguinte mensaxe: que as comunidades 2.0 están a piques de converterse nas principais ferramentas de promoción e de comunicación dos profesionais e dos empresarios, polo que servizos tan específicos como LinkedIn, centrado precisamente neste eido de actividade, cobran especial importancia. De feito, engádese, preto da metade dos nosos profesionais aseguran, a día de hoxe, que as redes específicas son fundamentais para promovérense.
LinkedIn busca mellorar o seu nivel de uso en España
Compartir Este Artigo
