
Falando de crise, esta vai ser unha edición, a décima, na que a crise vai estar moi presente, e vai ser a que marque o desenvolvemento dunha “gala atípica”, de dúas horas de duración, nas que se repasarán “cunha ollada ácida pero tamén optimista” as crises máis importantes dos últimos séculos, tendo presente que “toda crise pasada foi sempre peor” disque.
Tanto María Castro, mestra de cerimonias, como Luis Tosar, que participará en parte do espectáculo, xa realizaron os primeiros ensaios, e volverán ao escenario do Palexco mañá venres e o sábado para ultimar os detalles e ter o guión ben aprendido ás 21:00 horas, cando comece a emisión en directo pola TVG.
Malia que en Código Cero xa repasamos polo miúdo as obras interactivas finalistas desta décima edición, non está de máis que lembremos as características máis salientables destas dúas pezas orixinais, que compiten nunha das 28 categorías que se estableceron este ano (arquivo en PDF).
Xa que logo, á candidatura de Mellor Obra Interactiva optan este ano dúas pezas, o conto Area fai seis, da editorial Galaxia; e Titanio e Plutonio no país do Ciclograma, de Hipotálamo Films.
Esta última é unha adaptación da curta que leva o mesmo nome e que foi optimizada para xogar na pantalla do ordenador de xeito interactivo. Achégase en forma de vídeo VR 360º (3D estereoscópico) e nel hai que perseguir a un personaxe da peza audiovisual.
A outra finalista da sección, a obra Area fai seis, é un conto interactivo multisoporte que a editorial Galaxia preparou para o proxecto virtual Dalle a volta do Instituto Galego de Consumo, no que se insta aos nenos e nenas do país a realizar un consumo responsable.
Os #PMM11, que este ano lle farán entrega do Premio de Honra Fernando Rey a Dolores Ben, pola súa “decidida aposta polo audiovisual do país” nos últimos 20 anos, poderán seguirse en directo pola TVG e, como non, tamén contarán coa participación da comunidade internauta a través das redes sociais en Internet.
Os Mestre Mateo combaterán a crise con retranca este sábado
Compartir Este Artigo

