Através Editora, o selo da Associaçom Galega da Língua, conta dende esta semana con presenza web de seu. O novo sitio, reflexo da rica produción cultural galego-portuguesa, é unha “aposta por um desenho limpo e centrado nos livros, que é o mais importante para nós, que junta toda a produçom de ATRAVÉS numha única página”, sinala AGAL e vemos reflectido estes días en Chuza!, onde se saúda e parabeniza a nova web, amais de dexellarlle os mellores éxitos posibles a Miguel Penas, director do selo, e á equipa por enteiro.
Precisamente é Miguel R. Penas o que explica o xermolo desta nova aposta cultural, e faino deste xeito: “Era umha necessidade, sobretudo desde que temos assumido nós próprios a nossa distribuiçom na Galiza e ata porque cada vez temos mais demanda de Portugal, e necessitávamos um ”cartom de visita” com que nos apresentarmos”.
Segundo se fai saber na propia web, o selo xorde como un paso máis da area editorial de AGAL, achegando dende a década dos oitenta un um amplo catálogo de obras que abrangue unha chea de autores ligados en maior ou menor medida co asociación, dende Carvalho Calero, Jenaro Marinhas, Guerra da Cal ou Manuel María a escritores xa máis contemporáneos como Raquel Miragaia, Artur Alonso Novelhe ou Carlos Quiroga. Através Editoria vai collendo corpo definitivamente en 2009, logo das novas eleccións de AGAL, nas que se afianza o obxetivo de “criar unha marca própria como editoria”. A gran finalidade do selo, como dixemos, é tornar a área editorial da associaçom numha editora de ámbito galego-portugués. Entre as súas arelas de base inclúese un máis que firme compromiso por “ultrapassar a fronteira política, muitas vezes mental, que separa a Galiza do resto da Lusofonía”. Todo proposto cunha liña reintegracionista que, como recordaremos, busca recuperar as formas propias da nosa lingua a través dun meirande achegamento ao portugués, co que se comparte moito máis que un tronco común.
Através Editora estrea páxina web centrada na cultura galego-portuguesa
Compartir Este Artigo
