A Asociación Galega de Produtoras Independentes, AGAPI, está a organizar un encontro sobre os retos que presenta o sector audiovisual na actualidade perante o cambio de modelo de negocio do analóxico ao dixital, que terá lugar o vindeiro martes, 8 de maio, na Aula 2 da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
A xornada, que conta co apoio da Deputación da Coruña, vai dirixida a produtores audiovisuais, creadores de contidos dixitais, profesionais do sector e estudantes, os cales poderán expor in situ, e perante os relatores convidados, as súas inquedanzas e dúbidas en torno á temática a tratar.
Ao evento, que por certo é de balde para tódolos asistentes, foron convidados prestixiosos profesionais experimentados en diferentes modelos de negocio, así como creadores que están a procurar novas fórmulas para o sector audiovisual.
A primeira sesión dará comezo a partir das 9:30 horas, e nela debateranse as distintas liñas de crecemento do sector audiovisual, e falarase da produción audiovisual no eido dixital, da man do produtor de Pórtico Audiovisuais, Antonio Varela; o director de Área da Entidad de Gestión de Derechos de los Productores (EGEDA), Rafael Sánchez; o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Xaime Fandiño e o produtor de Visual Think Films, Samuel Lema.
A continuación, ás 12.00 horas, o programa prevé falar sobre os modelos futuros de negocio para o sector, para o que se convidou ao experto audiovisual Manolo González, o director da empresa Ilux Visual Technologies, Manuel Meijide e o director de Mr. Misto Films, Xoán Mariño.
A sesión da tarde dará comezo ás 16.00 horas, cunha reflexión sobre os novos formatos audiovisuais co produtor de Continental Producciones, Pancho Casal; o produtor Pepe Coira; a responsable de Wecoop, Paula Cons e María Yáñez, de A Navalla Suíza.
A última das sesións terá lugar ás 17.30 horas e, da man de persoeiros como Chelo Loureiro, de Abano Producións, o deseñador de Krasis, Pablo Iglesias; o responsable de Desenvolvemento de Negocio de Diario Motor, Daniel Seijo; o community manager da produtora Dream Team Concept, Simón Casal e o blogger de Microsiervos, Javier Pedreira Wicho, analizarase o papel das redes sociais como plataformas de proxección empresarial e a súa utilidade para o sector audiovisual galego.
As persoas interesadas en asistir á xornada deberán enviar o formulario de solicitude que se achega na web do Igape ao correo electrónico administracion@agapi.org, debidamente cuberto.
Segundo informa a organización, o aforo do local está limitado, polo que as prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.
AGAPI organiza una xornada sobre as novas tendencias no sector audiovisual
Compartir Este Artigo

