A galega Ozona vén de facer público o achegamento da súa tecnoloxía para a optimización dos recursos de Mcall, empresa do Grupo Brisa e un dos principais centros empresariais de atención de chamadas de Portugal. Máis polo miúdo, a contribución de Ozona destinouse á mellora dos tempos de resposta da firma lusa a través dun proxecto integral de virtualización de escritorios con tecnoloxía Citrix.
Ozona, empresa galega especializada na análise e o afianzamento de proxectos de virtualización, encargouse en Mcall da posta en marcha do proxecto de implantación de cen postos de traballo, o que lle permitiu mellorar o rendemento do parque informático desta firma e máis os tempos de resposta dos teleoperadores. O obxectivo de Mcall con este encargo á compañía galega foi o de optimizar o seu propio potencial competitivo e completar os baleiros que lle impedían, ata o de agora, a eficacia máxima na achega de servizos.
Segundo informan as empresas, había polo tanto unha necesidade de renovación ao abeiro da plataforma informática de Mcall, “xa que non respondía á velocidade requirida ao desenvolvemento de traballo dos teleoperadores encargados de contactar en simultáneo”. O traballo artellouse en dúas partes: un proxecto piloto e un final. O proceso contou con dous técnicos que ao longo de dez días traballaron fóra e dentro de Mcall, con aplicacións de Citrix. Empregáronse tres XenServer ligados con Storage ISCSI, tres XenApps para servir aplicacións SAP, un XenDekstop para dar servizo a tódolos escritorios, un Provisioning para imaxes dos escritorios e XenApp e, tamén, un VPX para fornecer de acceso remoto a toda a infraestrutura. “Grazas a este proxecto”, engádese, “a firma centralizou toda a información nunha única plataforma liberando máquinas obsoletas de datos e software; a solución, ademais, permitiu o emprego das mesmas máquinas evitando investimentos excesivos, aumentando a capacidade de procesamento e achegando unha mellora do rendemento dos teleoperadores”.
Ozona optimiza os tempos de resposta do call center portugués Mcall
Compartir Este Artigo
