Amores prohibidos 2.0, a revisitación-reconstrución dos tirapuxas entre capuletos e montescos (e no medio unha historia de amor: a de Romeo e Xulieta) que ideara hai unha chea de anos William Shakespeare e que agora parece que foi onte e dende aí ao ladiño (dende Boiro), foi finalmente todo o un éxito. Así nolo contan os responsables desta representación tan innovadora, o grupo Chévere e máis un grupo de mozas/os do IES A Cachada da devandita localidade do Barbanza, e así nolo recorda o Consello da Cultura Galega nun completo reconto de éxitos. En total, seguiron a representación máis de 7.000 persoas. O eixe da proposta foi redenasa.tv.
Cal foi o segredo do éxito para acadar tal cifra de seguimento tratándose como se trataba dunha achega teatral baseada en Romeo e Xulieta? Pois nin máis nin menos que a fórmula das redes sociais. De feito, tal e como sinalamos hai uns días dende Código Cero, a obra naceu nelas e nos seus aparellos (os teléfonos móbiles de actores e actrices rexistrando escenas e logo envorcándose todo o material, e máis, nos perfís constituídos nas redes sociais). Neste fornecemento de arquivos, sinalou no seu día Chéreve, cada personaxe tivo un rapaz/rapaza que lle puxo un rostro. A maiores, os personaxes foron creados en grupos: un dos actores interpretando o papel e, por detrás, nas redes sociais, un grupo de rapaces encargándose dos seus perfís, de dicir o que pensaban e de ir dándolle feitura a súa personalidade. A aposta, como se pode ver, foi arriscada e innovadora, pero pagou a pena, non só polas cifras de seguimento acadadas, que foron moi importantes, senón pola implicación da mocidade ao longo de todo o proceso creativo. “En xeral o proxecto superou todas as expectativas. Estamos sorprendidos xa non só por canta xente o seguiu senón tamén por como participou, e iso sen apenas facer promoción” apuntoulle Xesús Ron, un dos responsables de Chévere, ao Consello da Cultura.
O proxecto foi a tódolos niveis unha renovación. E máis aínda se temos en conta que entre mans tiñan unha obra que se fixo hai máis de catro séculos. Dito doutra maneira: nin nos seus soños máis visionarios podería albiscar o seu autor que a súa obra ía coller novos folgos no Boiro máis 2.0. Con todo, hai referentes, como o da Royal Shakespeare Company, que fixo un versión en Twitter de Romeo e Xulieta, aínda que máis limitada que a achega galega, xa que aquela non daba marxe para a interactividade nin usaba outros formatos e aparellos. A idea de Chévere e dos colaboradores directos da proposta (María Yáñez, os estudantes do IES A Cachada, a profesora de informática e novas tecnoloxías Ana Moreiras) foi a de permitir a máxima interactividade e participación. De feito, alén de ter seguimento na Rede a través de vídeos e textos, a representación tirou partido das comunidades 2.0 para interactuar co público. Por exemplo presentando personaxes con perfís ou chats en Tuenti ou Facebook, fornecendo achegas no Twitter con novidades do argumento ou ata promovendo accións en servizos de mobilización social como Actuable. Polo tanto estas múltiples vías de expresión e comunicación puxeron ao público (comunidade) nunha situación de especial potencialidade creativa. Cada internauta tivo voz, foi crítico e tamén director. Dito doutro xeito: había que comentar as evolucións da obra e mesmo participar na trama, non quedaba outra.
A representación de Amores prohibidos 2.0 foi seguida por arredor de 7.000 internautas
Compartir Este Artigo
