O Colexio Manuel Peleteiro de Santiago acolle hoxe unha actividade formativa e divulgativa destinada a abrir novos camiños na colaboración tecnolóxica dixital-docencia. Falamos da segunda Xornada de Novas Tecnoloxías Educaclic, un evento que vén da man de Microsoft e os seus socios en aprendizaxe a través do dixital, apoiados por Global Learning. Os obxectivos de Educaclic, sinalan os organizadores, pasan por achegar un espazo para a reflexión sobre as potencialidades das TIC no eido educativo e levar a cabo procesos de integración curricular. Xa nun plano máis concreto, créase ao abeiro da xornada un foro onde os docentes poden pór en común ideas relativas ao emprego das novas tecnoloxías na aula.
No evento está a participar o Goberno galego, que ten xa unha experiencia neste ámbito co Proxecto Abalar, unha iniciativa para levar diferentes aparellos tecnolóxicos e programas de software libre ás nosas aulas. En representación da Xunta acode á xornada o director xeral de Educación e Innovación Educativa, José Luis Mira, que deu a coñecer a primeira hora do martes algúns dos detalles do devandito proxecto, hoxe en día presente en 370 centros educativos, 1.465 aulas e empregado por preto de 32.000 alumnas e alumnos. Asemade, dixo, está previsto que o vindeiro curso participen nel 550 centros educativos e 44.500 estudantes.
Durante a inauguración, o director xeral salientou o papel clave do profesorado na integración das TIC no sistema de ensino-aprendizaxe. “Todas as posibilidades que abren a tecnoloxía, a comunicación e a conectividade non servirían de nada sen unha firme educación en valores, responsabilidade primeiramente das familias, por suposto, pero tamén de vostedes, profesoras e profesores”, comentou. Trala inauguración, na que tamén participaron o director do centro, Luis Peleteiro, expertos de Global Learning e un representante de Microsoft España; estaba prevista a quenda de varios relatorios, entre os que se inclúe un de Ovidi Barceló, do colexio bilingüe Julio Verne (Valencia), e outro de Mª Dolores Martínez, do colexio Martí Sorolla (Valencia).
O Colexio Peleteiro de Santiago acolle este mércores a segunda edición de Educaclic
Compartir Este Artigo
