A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA, vén de pór en marcha un certame para fomentar a creatividade co gallo da defensa do noso medio, e viceversa (defender o noso medio co gallo do fomento da creatividade). O concurso, inserido na campaña Ponte no medio Móvete polo Territorio (onde xa hai iniciativas parellas en marcha, como por exemplo os concursos de fotografía e relatos), xorde co obxectivo de mover á cidadanía a expresar a súa opinión sobre o estado actual dos nosos hábitats naturais a través da imaxe en movemento e coa axuda duns aparellos de rexistro (cámaras, móbiles de última xeración) que xa están en presentes nunha chea de mochilas.
O concurso de curtas, así como a segunda edición do concurso de fotografías e de relatos están patrocinados pola Área de Cultura e Deporte de Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. O certame audiovisual preséntase baixo o seguinte reclamo: E ti que é o que ves? Poderán ser de xénero libre (ficción, documental, animación) pero cumprir co requirimento de ofrecer unha mostra de revalorización da nosa cultura e territorio, ou ben de denuncia daquelas actuacións que os prexudican. Cada participante, informa ADEGA, poderá presentar un máximo de catro creacións audiovisuais, dunha duración máxima de 5 minutos cada unha, que terán que enviar en formato DVD por correo postal ao enderezo de ADEGA Lugo; Rolda das Fontiñas nº 180 entresollado, 27002 Lugo. Establécese unha única categoría para este concurso e o prazo límite de presentación dos traballos remata o día 1 de outubro de 2012. As bases dos concursos pódense descargar da web de ADEGA.
ADEGA pon en marcha un concurso de curtas a prol da posta en valor do noso territorio
Compartir Este Artigo
