A sede de FEUGA en Santiago (Campus Sur) vai dar acubillo a semana vindeira a unha actividade formativa potencialmente vantaxosa para todos aqueles usuarios galegos de programación aberta que queiran darlle unha saída de negocio ao seu compromiso a prol da supresión de barreiras TIC. Trátase do curso Oportunidades de negocio baseadas en software libre e ecosistemas open, actividade inserida no programa TICEmprende de BIC Galicia e que busca pór de relevo a fondura da pegada que está a ter, hoxe en día, a programación aberta nunha manchea de nichos profesionais e de mercado.
Por exemplo (sinala BIC Galicia): na industria do desenvolvemento do propio software, na organización dos equipos de traballo, na xestión dos proxectos, nos sistemas de xestión da calidade e na enxeñería do software, entre outros moitos.
A actividade desenvolverase o día 28 de maio e o programa, xa nun plano máis concreto, encamíñase a amosarlles aos participantes unha visión estratéxica das devanditas oportunidades, á vez que modelos e estratexias baseadas neste tipo de software e achegar as nocións legais necesarias para poder traballar con garantías e seguridade no devandito eido.
O curso está dirixido a empresas TIC que desexen tirar proveito das oportunidades de financiamento público para desenvolver novos modelos baseados na innovación e internacionalización da empresa. Os relatores son Alberto Abella e Franz Ruz.
O gran potencial do software libre para facer negocio, ao detalle na sede de FEUGA
Compartir Este Artigo
