O Campus de Vigo vai dar acubillo en setembro a unha actividade formativa de gran interese para quen teña en mente dirixir a súa carreira cara un eido profesional a todas luces prometedor: o desenvolvemento de novas ferramentas para dispositivos móbiles. Máis polo miúdo, para trebellos de Apple. O curso Iniciación á programación de dispositivos iOS5 terá 60 horas de duración (incluíndo 35 prácticas) e celebrarase en CITEXVI entre o 3 e o 20 de setembro, en horario de 9 a 14 horas. O custe de matrícula será de 175 euros. Por certo que xa está aberto na web de Bubela o prazo para inscribírmonos.
O curso, que vén da man da Escola de Enxeñería Industrial, va dirixido principalmente a estudantes universitarios, programadores e deseñadores interesados en coñecer métodos de desenvolvemento de aplicacións para trebellos de Apple gobernados polo sistema iOS5 (iPod, iPad, iPhone, etc). A actividade insírese nun nivel de coñecemento medio-avanzado de programación, polo que se encamiña a destinatarios cun certo nivel neste eido, sobre todo en linguaxes Java, C e/ou C++. Máis en detalle, o curso introducirá ao alumnado no desenvolvemento de aplicacións no SDK de iOS5, comezando polo que se refire á aprendizaxe do framework preciso e facendo fincapé nas características propias dos dispositivos móbiles. O programa de actividades e contidos inclúe os seguintes módulos teóricos a tratar:
· Introdución a Xcode e iOS 5
· Creación de interfaces gráficas
· Eventos
· Preferencias o usuario
· Posicionamento e mapas
· Creación de interfaces gráficas (parte 2)
· Multitarefa
· Creación de interfaces gráficas (parte 3)
· Introdución a Coredata
· Web services. Análise de XML/JSON, introdución ao framework de Twitter.
· Publicación da aplicación
· Características do dispositivo
No que se refire aos módulos prácticos, darase acubillo á realización de casos reais de desenvolvemento legados aos contidos teóricos do curso. Este impartirase, como se dixo, no Edificio CITEXVI (rúa Fonte das Abelleiras, Campus Universitario de Vigo) e contará coa colaboración de profesionais de REDEGAL para a achega de contidos e de actividades prácticas.
CITEXVI acollerá en setembro un curso para iniciarnos na programación de trebellos con iOS 5
Compartir Este Artigo
