
Trátase do proxecto piloto Tagtum, que a firma galega Dnet desenvolveu en colaboración co Centro Tecnolóxico Gradiant, e que permite garantir a orixinalidade dos produtos e recoñecer a súa titularidade, con tan só aproximarlle un dispositivo móbil con sistema NFC.
Nesta primeira fase do proxecto piloto, o Concello e Dnet distribuirán de balde 5.000 chips Tagtum entre fabricantes e puntos de venta seleccionados na cidade, equipándoos asemade con lectores NFC de última xeración para a súa identificación.

Desta maneira, as tortas de améndoa, as Pedras de Santiago, as camisetas do camiño, os recordos do botafumeiro ou a mesmísima Catedral se así o desexan, poderán garantir a súa orixinalidade en calquera punto da xeografía, e evitar a súa falsificación e posterior distribución de xeito ilegal.
Os usos que se lle poden dar a esta tecnoloxía son infinitos, e por exemplo a entidade pública ten previsto empregalo na xestión do turismo de congresos, achegándolle un chip a cada congresista, para que el ou ela o insiran na maleta e a identifiquen como súa, ou para que, no caso de extraviala, a organización poida facerlla chegar ao seu titular.
Outra das vantaxes que achega este sistema antifalsificación é o seu uso para o comercio electrónico, ao garantir que os produtos adquiridos son orixinais e que ademais pertencen á persoa ou entidade que os vende.
Montes, que estivo acompañado da concelleira de Economía e Comercio de Santiago, Reyes Leis, sinalou moi acertadamente os problemas que alcanza o negocio das falsificacións no mundo, indicando que malia que o adoitamos asociar a produtos de luxo e glamour, o certo é que “estamos perante un cancro que afecta a toda a economía moderna”, afectando mesmo a produtos que non imaxinariamos, tales como pinzas de cordón umbilical, rodamentos de avión, medicamentos, xoguetes…
Como ben dixo o director xeral, “Tagtum non pode impedir a fabricación de produtos falsos, pero si identificar os obxectos orixinais”, e iso é o que veu a facer á capital galega esta empresa con máis de 9 anos de experiencia no sector da seguridade e da identificación.
Compostela convértese na primeira cidade do mundo cun sistema de loita contra a falsificación
Compartir Este Artigo

