
Un dos obxectivos básicos do relatorio é axudar aos profesionais a estaren no lado positivo e rendible das TIC en materia de optimización de tarefas. Ou sexa, que o que se pretende é evitar o mal uso das tecnoloxías, unha das cuestións que, por certo, máis preocupa ás empresas de hoxe. De feito, segundo indica INEO (facéndose eco dos últimos estudos ao respecto de INTECO), hai que ter en conta que o 62% das fuxidas de información das PEME prodúcense debido a erros no emprego destas ferramentas. Asemade, sinala a asociación, cómpre que asumamos a importancia de ter a mellor actitude posible e os mellores hábitos para acadar unha protección axeitada dos nosos datos. “De non tomarse medidas como o uso de aplicacións e sistemas operativos para evitar vulnerabilidades, copias de seguridade, uso responsable e prudente do correo electrónico e a descarga de ficheiros, o grao de seguridade informática dunha empresa pode verse moi reducido”, informan dende INEO.
O relatorio de José María Lozoya Pérez tamén servirá para abordar outra cuestión de gran interese: o debate aberto arredor do grao de control que se pode establecer no ámbito de traballo e, máis polo miúdo, de que maneira se debe delimitar o seu alcance para artellar control empresarial e respecto aos dereitos dos traballadores. “É o caso”, engádese dende INEO, “da aplicación do réxime disciplinario axeitado cando se produce un uso non axeitado de Internet ou dunha conta de correo electrónico”.
Lozoya Pérez estará acompañado no foro de Lucía Gregorio e Jorge Cebreiros, directora xeral e presidente de INEO, que intervirán na apertura e na clausura do evento, respectivamente.
A asistencia ao encontro profesional é de balde para socios de INEO e ten un custe de 40 euros máis IVE para non asociados. A reserva da praza pode facerse no teléfono 986 11 25 70 ou enviando un correo electrónico a administracion@INEO.org. Na páxina web da asociación temos á nosa disposición un documento en PDF co programa específico de contidos.
INEO expón o día 19 en Vigo diversos recursos para mellorar o uso das TIC no traballo
Compartir Este Artigo
