O pasado mes de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas-Día de Internet, púxose en marcha na nosa terra unha iniciativa á que lle tocan ben de preto os devanditos festexos. Dito doutro xeito: unha iniciativa que achega nova vida ao panorama da comunicación dixital na nosa lingua. Falamos de Compás da Costa, unha axenda-revista cultural centrada en dar cobertura informativa á Costa da Morte e máis en incrementar a través da Rede (de cara ao mundo) o coñecemento que se ten desta ampla comarca galega e da súa intensa vida creativa.
Detrás de Compás da Costa atópase un grupo de tres xornalistas e tres comunicadores audiovisuais, acabados de licenciar e con procedencias en diferentes recunchos da devandita bisbarra costeira (Carballo, Baio, Vimianzo e Muxía), sendo o seu obxectivo o de pór ao alcance dos internautas galegos, e non galegos, unha revista dixital que sexa unha actividade cultural máis da Costa da Morte e que, a maiores, dea conta de todas elas. Noutras palabras, que sexa o seu compás.
O abano de achegas é ben amplo: ofrécense reportaxes de eventos culturais, deportivos e turísticos, infórmase de tradicións pouco coñecidas e promóvense as actividades que organizan os concellos, as asociacións e as entidades culturais da bisbarra e contorna A páxina web bota a camiñar ela soa, independente e libre, sen ningún tipo de apoio directo empresarial ou político, “só a iniciativa creadora de 6 mozos preocupados polo desenvolvemento cultural da zona”.
En marcha Compás da Costa, a axenda dixital que informa de todo o que se coce culturalmente na Costa da Morte
Compartir Este Artigo
