Temos nova achega turística nun panorama innovador, a galego, que non para de medrar, tanto en número como en calidade. Exemplo disto último, precisamente, é Cool-Touring, empresa galega posta en marcha por unha parella de mozos de 27 anos, Xosé Gago e Montserrat Domínguez, que teñen ás súas costas unha ampla experiencia en materia turística, divulgativa e tecnolóxica. A súa nova proposta marca diferenzas principalmente a través dos seus roteiros personalizados e do seu servizo de audioguías para a capital galega. Tamén ofrecen visitas adaptadas para colexios e para institutos. Cool-Touring é unha iniciativa nova en todo o senso do termo: tanto porque responde ás novas tendencias de creación no mercado como por a quen se dirixe, principalmente a xente moza (non tanto en idade como en espírito).
Como dixemos, un dos puntos fortes da iniciativa, e o que máis nos colle de preto en Código Cero, é o seu servizo de audioguías para a nosa capital. Dispoñibles en aplicación para móbiles ou reprodutores MP3 e adaptadas a varias linguas, permiten un percorrido alternativo por Santiago de Compostela, nunca antes achegado por ningún outro servizo. Cool-Touring estrea esta liña de actividade con “tres visitas temáticas diferentes e exclusivas”, informan Montserrat e Xosé. Unha das visitas vai dedicada á literatura, outra á gastronomía e outra á historia. “Os roteiros”, engaden, “procuran contar unha historia de Santiago a través das persoas e dos tempos, unha historia diferente, chea de anécdotas, sensacións e maxia”.
O obxectivo é evitar na medida do posible que os milleiros de visitantes que chegan as Compostela fiquen na memoria, unicamente, coa imaxe da Catedral, a Praza do obradoiro e a Alameda.
A través destas audioguías, os clientes poderán ter coñecemento do vínculo que Santiago tivo con numerosos poetas e escritores como Cunqueiro, Rosalía, Valle-Inclán, Shakespeare ou Hemingway, entre outros moitos. “Este trebello tecnolóxico propón unha interesante viaxe por eses recunchos agochados da cidade que, nalgún momento da historia, foron frecuentados por literatos universais, e, do mesmo xeito que amosa unha Compostela poética, tamén descobre a Compostela histórica que vai alén do Camiño de Santiago, do Sepulcro do Apóstolo ou da vida eclesiástica da cidade”, explican Montserrat e Xosé.
Nun plano máis concreto, a través destas audioguías iremos desvelando os múltiples segredos artísticos, culturais, históricos e poéticos de recunchos como a Praza de Mazarelos, a antiga muralla da cidade, a Praza de Toural, o Recuncho dos Vagos ou o misterioso Colexio dos Irlandeses, entre outros lugares. Os servizos de audioguía complétanse cun terceiro roteiro gastrónomico, no que se convida aos usuarios a un percorrido por senlleiros e destacados restaurantes, bares e tabernas da cidade,
Eliminar fronteiras
“Queremos eliminar as fronteiras entre xestión cultural, xestión turística e xestión didáctica”, sinala Xosé Gago, que engade que a súa empresa diríxese a un público “xeralista, pero enfocado, sobre todo, a xente nova e visitantes cultos e dinámicos que viaxan por libre e que queren ir máis alá dos tópicos”
Por certo que o vindeiro mércores 20 de xuño, ás 20.00 horas, Cool-Touring organizará en Santiago un roteiro especial de presentación dos seus servizos. Nesta visita,que comeza diante da Facultade de Historia daranse a coñecer algúns deses recunchos máxicos composteláns dos que falamos máis arriba. Ao final, ofreceranse uns petiscos nun dos establecementos recomendados dentro do seu roteiro gastronómico, e que tamén cumpre anos ese día.
Cool-Touring achega audioguías para coñecermos Santiago a través das súas pegadas literarias e gastronómicas
Compartir Este Artigo
