Informática El Corte Inglés, empresa de consultoría TIC inserida no grupo do mesmo nome, vén de asinar un acordo coa multinacional tecnolóxica Huawei Enterprise para completar e mellorar a súa achega en redes e comunicacións e optimizar, deste xeito, o servizo que subministra ás grandes empresas e institucións públicas. Segundo fai saber a compañía española, o acordo sitúaa nun nivel claro de privilexio, ao adherirse ao programa de canle de Huawei en España co nivel máis alto de certificación, o de Business Partner Platinum.
Xa nun nivel máis concreto, a idea é a de pór no mercado estatal unha oferta conxunta e global de solucións e servizos con potencial “para asegurar a continua renovación das infraestruturas de comunicacións nas máis diversas organizacións, proporcionando un soporte eficaz á súa actividade”.
Lembrar que Huawei Entrerprise é unha organización innovadora que dispón arestora dun equipo de 60.000 profesionais repartidos por todo o mundo, dedicados a tarefas de Investigación e de Desenvolvemento e con arredor de 40.000 patentes propias no eido das novas tecnoloxías. Huawei, asemade, está presente dende hai máis dunha década en España. O acordo asinado con Informática El Corte Inglés está vinculado á creación, o ano pasado, dunha nova división de empresas con solucións dirixidas ás corporacións, en cuxo eido a consultora tecnolóxica centraliza a súa visión global. Os servizos de consultoría, implantación e soporte dos recursos de Huawei prestaranse dende o Centro Experto de Integración de Sistemas de Informática de El Corte Inglés, que conta con profesionais xa certificados nas plataformas do fabricante asiático e mergullados nun continuo proceso de formación e actualización das súas potencialidades.
Informática El Corte Inglés completa a súa oferta en redes e comunicacións da man de Huawei
Compartir Este Artigo
