A empresa galega Alcatraz, na Rede a través do seu selo LOPDGEST, vén de achegar unha serie de recomendacións acerca da Lei Orgánica de Protección de Datos para os administradores das empresas. Recomendacións que se dirixen basicamente a facilitarnos un seguimento positivo dos regulamentos e evitarnos na medida posible as consecuencias de non estarmos adaptados, como empresas, á dita Lei. Cousa que se agrava, sinala, coa entrada en vigor da Lei Orgánica de Responsabilidade Penal das Persoas Xurídicas. Alcatraz advirte que infrinxir estes regulamentos pode supor penas de prisión. A situación, engade non é do máis alentadora, xa que a día de hoxe calcúlase que das 2.700.000 empresas existentes, só 600.000 están adaptadas á devandita normativa.
Isto, a maiores, non afectaría só aos administradores de empresas, senón tamén aos máximos responsables de mutuas, clubes deportivos, organizacións non gobernamentais, confesións relixiosas e fundacións. Todas elas, lembra Alcatraz, teñen responsabilidade penal. As infraccións amosan múltiples vertentes, e case todas elas teñen estreitas ligazóns co panorama dixital. De feito, o espallamento das redes e a universalización dos datos non fan máis que ampliar os posibles incumprimentos. Estes poden ser: non exercer o debido control sobre os empregados para evitar a revelación de segredos; vulnerar a intimidade; acceder sen permiso a datos ou programas informáticos; danar, deteriorar, alterar, suprimir ou facer inaccesibles datos ou programas informáticos alleos ou poñer atrancos e interromper o funcionamento dun sistema informático alleo.
Todo isto, sinala Alcatraz, pode implicar penas de cárcere, de seis meses a dous anos, para as persoas xurídicas. Así nolo explica a firma galega: “Moitos máximos responsables de empresa poden non ter reparado que, dende o 23 de decembro de 2010, data na que entrou en vigor a Lei Orgánica sobre Responsabilidade Penal das Persoas Xurídicas, aos riscos que comprende controlar os elementos de seguridade, dispoñibilidade e cumprimento que se derivan do uso das TIC nas súas compañías, sumouse unha nova responsabilidade, neste caso ligada ás persoas xurídicas, que pode levalos á cadea por un período de entre seis meses e dous anos”. Ou sexa, que se dende unha empresa se comete algún dos delitos tipificados por esta lei, poden imputar penalmente tanto ao responsable directo do feito como ao administrador da empresa.
Entre as medidas que podemos ir tomando para evitar estas situacións, figuran as seguintes: cumprir en detalle co que marca a lei, protexer e respectar datos alleos e propios e, xa nun plano máis concreto, axeitar os sistemas da empresa para cumprir coa normativa dispoñendo dunha ferramenta que permita salvagardar a información persoal de clientes, traballadores, asociados, etc.
A galega Alcatraz advirte dos riscos para as empresas de incumprir a Lei de Protección de Datos
Compartir Este Artigo
