A Libraría Couceiro de Santiago acolleu este xoves a presentación dunha iniciativa que xa avanzamos nas súas liñas xerais os días pasados e que se dirixe, como tódalas de GalegoLab, a encher os baleiros de uso de galego que existen na nosa sociedade. Falamos de LEGA (Lecer galego), un proxecto da dita comunidade-plataforma en liña que, segundo informou o seu equipo promotor, pon a disposición da sociedade galega recursos lúdicos dixitais naquelas áreas onde a presenza do galego sexa baixa ou escasa, xerando estes contidos baixo licenzas libres maioritariamente que permitan a súa libre distribución e uso.
A presentación correu a cargo de Cani Martínez, Carlos Ares e Xoán Antón Pérez Lema, membros da directiva de GalegoLab e Xabier Seixo, encargado de desenvolver LEGA. A plataforma, por certo, xa está plenamente accesible na Rede. A web en cuestión artéllase en catro apartados principais: ludoteca, discoteca, filmoteca e discoteca. Neste último pódese descargar de xeito cen por cen gratuíto Galegogym, un CD de música galega, en Creative Commons, para facer
fitness na nosa lingua, que contou coa colaboración de artistas como GalegoZ, Zimmer 103 e Projecto Mourente.
A ludoteca está, polo de agora, dirixida á cativa, que pode xogar na nosa lingua a Frozen Bubble e Childsplay.
Pola súa banda, a filmoteca permite o visionado de Sintel, unha curtametraxe de animación desenvolvida pola fundación Blender. Esta conta a historia dunha adolescente chamada Sintel que percorre o mundo na busca dun dragón chamado Scales, ó que coñecera cando este era pequeno. Scales é capturado por outro dragón, e Sintel comeza a súa busca, que a leva a percorrer o mundo na súa procura.
Asemade, está xa accesible a páxina web Astronomía básica, un recurso de astronomía orientado a todas aquelas persoas que se queiran iniciar na astronomía. O proxecto consta de material dixital de astronomía, unha guía de astronomía básica e un DVD do sistema operativo Ubuntu en galego, totalmente funcional para usos xenéricos, e modificado de tal xeito que se engaden tanto programas de astronomía na nosa lingua de mapas e atlas celestes (Stellarium e Cellestia). Está completamente en galego (o software, navegador web, procesador de textos, reprodutor de vídeo e audio…) e cómpre tamén destacar que se pode executar sen instalar.
Astronomía básica levouse a cabo en colaboración con Astronomía na Beirarrúa, un proxecto nado no seo da Universidade de Santiago e que ao longo destes últimos anos leva traballando para achegar a astronomía dun xeito lúdico e participativo.
GalegoLab presentou LEGA (Lecer Galego) e Astronomía básica
Compartir Este Artigo
