O Real Automóbil Club de España (RACE) vén de presentar un estudo sobre os principais riscos de facermos ao volante, cando conducimos, outra cousa que non sexa conducir e centrarnos no que temos diante. A investigación, feita de xeito conxunto con Windows Phone (o sistema operativo móbil de Microsoft), pon de manifesto que as novas tecnoloxías da información e a comunicación ao volante, de non empregalas con tino, provocan distraccións mortais. E, en contra do que se pode pensar, tan mortais como conducir baixo os efectos do alcol. Segundo se advirte, entre o peor que se pode facer, amais de falar polo móbil, figura enviar unha mensaxe de texto ou un correo electrónico.
A investigación fíxose a raíz das opinións de máis de 1.400 condutores, aos que se lles fixo unha serie de preguntas sobre o uso que lle dan aos seus móbiles na estrada ou a percepción que teñen do risco de determinados comportamentos ligados ás novas tecnoloxías. No estudo sinálase, entre outras cousas, que durante 2011 impuxéronse máis de 136.800 sancións por falar polo móbil dende o coche circulando, e que entre 2009 e 2012, un total de 141 condutores perderon o seu carné de conducir por falar co dito aparello. A maiores, da enquisa despréndese que o 15% dos viaxeiros sufriu por mor do devandito unha situación de risco, recoñecendo o 16% ter enviado unha mensaxe de texto ou correos ao volante.
Amais de servir para presentar desta investigación, o achegamento entre RACE e Windows Phone deu como resultado a creación dun aplicativo de seguridade viaria para Windows Phone, feito a raíz da longa experiencia de RACE, no que se inclúen servizos como o aviso por voz da proximidade de treitos de risco ou radares, amais dunha aplicación para a xestión optimizada de rutas. O servizo tamén ten unha versión para usuarios de motocicleta.
A iniciativa, segundo explican os responsables da mesma a través dun vídeo, que xa está en YouTube, responde a un interese conxunto polo fomento do bo uso das tecnoloxías en estrada:
RACE e Microsoft equiparan os riscos de usar o móbil ao volante cos do alcol
Compartir Este Artigo
