Un estudo de Microsoft vén de poñer de manifesto algo que xa se sabía, pero non con cifras e detalles exactos: o ciberacoso a menores. Segundo fai saber a multinacional, na actualidade a máis do 54% das nenas e nenos de todo o mundo lles preocupan estas prácticas levadas a cabo co apoio de Internet, cifra que acada o 81% no caso de España. O estudo de Microsoft tamén sitúa nunha porcentaxe do 37% a taxa de menores do ámbito estatal que foi vítima algunha vez de ciberacoso, que é, para entendérmonos, a adaptación ás redes (con todo o que estas achegan de radio de alcance e repercusión, incluíndo vídeos e fotografías que non fan máis que empeorar a situación) do que se leva facendo nos colexios dende a existencia destes: o abuso dun estudante, xeralmente en grupo, cara a outro.
A investigación Global Youth Online Behavior Survey de Microsoft foi realizada en más de 25 países, entre eles España, entre febreiro de 2011 e xaneiro de 2012. No estudo participaron máis de 7.600 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos. O informe, conta Microsoft, céntrase na maneira en que se tratan, uns aos outros, os mozos na Rede, e na cuestión de se os pais e nais están a amosar o debido interese acerca do comportamento dos seus fillos na Internet.
Os resultados do informe, amais do devandito, achegan un panorama preocupante. De feito, apúntase a que catro de cada dez nenos que participaron afirman ter sido obxecto das devanditas prácticas de ciberacoso, e a cuarta parte dos mesmos asegura ter feito algo que os pais poderían considerar como ciberbullying. Respecto aos proxenitores, agás excepcións, queda claro unha vez máis que predomina o desleixo cara o comportamento da rapazada nas TIC, permitíndolles o uso de todo tipo de aparellos e sen control ningún sobre os mesmos. Así, cóntase que só o 5% dos pais ten participado e tense involucrado en sesións organizadas nos colexios sobre as devanditas prácticas.
Máis dun terzo dos menores españois sufre ciberacoso
Compartir Este Artigo
