A sede coruñesa da Fundación Barrié acolleu esta mañá a presentación do primeiro informe A ciencia en Galicia que presenta o diagnóstico de situación do sistema de ciencia en Galicia a través dun estudo que revisa a evolución dos principais indicadores de ciencia e tecnoloxía ao longo da última década, en forma de cuestións para a reflexión e o debate, e que podemos consultar dende a páxina web da Fundación, onde o informe está dispoñible para a súa lectura en liña ou descarga en formato PDF.
O acto foi conducido por José María Arias Mosquera, presidente da Fundación Barrié, quen puxo en antecedentes ao informe, que enmarcou dentro das actuacións estratéxicas da Fundación, para dar paso ao seu director xeral, Javier López Martínez, quen debullou os datos máis significativos da publicación que deron a coñecer hoxe e que principalmente serve para por en negro sobre branco os moitos datos que se manexan no contorno da Ciencia e do I+D en Galicia.
O informe recolle unha notable evolución no esforzo de investimento en I+D en Galicia durante o período 2000-2010, multiplicándose os recursos económicos por 2,5 ata superar os 531 millóns de euros correntes no último exercicio do decenio. En relación ao PIB o esforzo galego neste ámbito pasou do 0,64% ao 0,96%, situándonos no sétimo lugar de España de compararnos con outras comunidades autónomas.

Pechou o evento Fernando Pérez González, director xeral de Gradiant e integrando do panel de expertos que colaborou na elaboración do informe, quen quixo dar unha visión crítica da situación actual, denunciando o pouco interese de moitos investigadores en transferir o seu traballo á sociedade (ou sexa, en producir un retorno do investimento realizado) e instou a deixar de medir os resultados das investigacións “ao peso”, pois carece de sentido medir as cantidades de publicacións e investigacións, e cómpre pór realmente en valor ao traballo científico e tecnolóxico é realmente importante.
Un informe da Fundación Barrié analiza o evolución da ciencia e a tecnoloxía en Galicia
Compartir Este Artigo

