O Cluster do Audiovisual Galego, CLAG, vén de amosar o seu compromiso por facerse máis forte no camiño da competencia, da busca colectiva de novos mercados, da innovación en tódolos elos da cadea (produción, creación, distribución, promoción) e da optimización do traballo conxunto. Así o fixo saber o Cluster este xoves 28, trala súa Asemblea Xeral Ordinaria, celebrada na Cidade da Cultura de Santiago, durante a que se aprobaron medidas como a creación dunha cota emprendedor que faga máis doada a entrada no Clúster de empresas novas. Asemade, ratificouse a incorporación de catro firmas: Pequerrecho Subtitulación, Moonbite, Zoamedia e Mondotropo.
De xeito complementario ao devandito, na asemblea os socios aprobaron as contas do exercicio pasado e o orzamento para este 2012 por unanimidade, que a tesoureira do CLAG, María Arochena, puxo en coñecemento de tódolos asistentes. Pola súa parte, a xerente do CLAG, Mar Varela, deu conta das actuacións levadas a cabo polo Clúster ao longo do primeiro semestre de ano nas catro liñas estratéxicas de actuación da institución: innovación e desenvolvemento tecnolóxico, internacionalización e promoción, dinamización sectorial e difusión, e formación. Amais disto, adiantou as accións concretas que o Cluster levará a cabo ao longo dos vindeiros seis meses, entre as que se inclúe a presenza da institución e as súas firmas nos mercados internacionais IBC Amsterdam e Cartoon Forum, en setembro.
Como dixemos, a asemblea ratificou a incorporación de catro novas empresas como socias do Clúster, algunha delas, como Moonbite, unha vella coñecida de Código Cero (tanto polo seu proxecto de cómic interactivo do Camiño de Santiago como pola súa recuperación dixital da historia de Vigo, entre outras cousas).
Trátase da compañía Pequerrecho Subtitulación, empresa de Ribeira de servizos lingüísticos para todo tipo de produtos audiovisuais; a devandita Moonbite Games & Animation, compañía emprazada en Santiago de Compostela e con sedes en Madrid e Barcelona, dedicada ao desenvolvemento de videoxogos multiplataforma e á produción de animación 3D para cinema e para outros formatos audiovisuais; a produtora de Mos (Pontevedra) Zoamedia e a produtora audiovisual coruñesa dedicada principalmente á publicidade, Mondotropo.
O CLAG fará máis doada a entrada no seu seo de empresas de nova creación
Compartir Este Artigo
