O ano pasado Apple sorprendeu comercializando Mac OS X Lion a través de súa App Store (ou sexa, en formato descargable) por 23,99 euros, o que foi toda unha revolución tanto polo feito de que a súa distribución realizouse principalmente a través da Internet como polo seu agresivo prezo; e dende Microsoft parece que tomaron boa conta diso, polo que anunciaron que os usuarios de ordenadores con Windows XP, Vista ou 7 poderán adquirir Windows 8 Pro por 39,99 dólares (o prezo en euros aínda non se comunicou) en 131 países (e en 37 linguas), copia dixital que pode converterse nun DVD ou nunha memoria USB auto-arrancable, sendo tamén posible facerse cunha copia física por 15 dólares adicionais. Pola contra, o prezo en tendas do novo sistema operativo de Microsoft será de 69,99 dólares.
A promoción de actualización a Windows 8 Pro dende as anteriores versións de Windows rematará o 31 de xaneiro, e parece unha firme aposta de Microsoft para fomentar a actualización do seu software, así como para legalizar o parque de ordenadores que tende a actualizar o seu sistema operativo pese a só ter a licenza correspondente á versión de Windows que viña no mesmo de fábrica.
Como vén a ser habitual co lanzamento de novas versións de Windows, Microsoft porá a disposición un asistente de actualización que comprobará se o noso equipo é compatible con Windows 8, detallando os elementos que poderían dar problemas (que poden ser tanto aplicacións como elementos de hardware que en moitos casos poderán empregarse actualizando os seus controladores).
No caso de actualizar dende Windows 7 a Windows 8, poderanse conservar tanto ficheiros persoais como aplicacións e configuracións, mentres que dende Windows Vista sería preciso reinstalar as vellas aplicacións e dende Windows XP só poderiamos conservar os datos persoais.
A actualización descargable a Windows 8 custará só 39,99 dólares
Compartir Este Artigo

