Xa está dispoñible o Mac OS X Lion

mércores, 20 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O agardado Mac OS X Lion chegou hoxe á Mac App Store por 23,99 euros, converténdose na primeira actualización do sistema operativo de Apple en distribuírse principalmente como descarga (estando tamén dispoñible unha versión nunha memoria USB comercializada por 59 euros pensando nos usuarios que carezan de accesos á Internet de banda larga, pois a descarga do Mac OS X 10.7 ocupa 3,49 Gb).
Os usuarios interesados en actualizar o seu Mac OS X a Lion deberían procurar facer unha copia de seguridade do seu sistema, comprobar que o seu sistema cumpre cos requisitos mínimos para funcionar con el e deixar bastante espazo de disco libre (entre 10 e 20 Gb) para evitar problemas na instalación. De contar con algunha aplicación crítica, tamén é recomendable visitar a páxina web do seu fabricante para comprobar se está adaptada para Lion, evitando así sorpresas desagradables tras a actualización do sistema operativo.

o Launchpad permite amosar as aplicacións instaladas coma se estivesen na pantalla de inicio dun iPad

Entre as grandes novidades do Mac OS X Lion está o aproveitamento de sistemas de control táctiles (coma os trackpads ou o Magic Mouse), a posibilidade de correr aplicacións a pantalla completa, o sistema de xestión de fiestras Mission Control, maior integración da Mac App Store, gardado automático eversións (para evitar perdas accidentais de datos), AirDrop (sistema que facilita a copia de ficheiros en redes locais) e o Launchpad (unha listaxe de aplicacións instaladas que toma unha aparencia semellante á pantalla de inicio de iOS, incluíndo o seu sistema de cartafoles).

PUBLICIDADE