A multinacional HP vén de renovar a súa directiva en España. O obxectivo destes cambios, que responden á necesidade de calquera empresa (sexa cal sexa o seu tamaño e experiencia acumulada) por adaptarse ao rumbo do seu tempo (e máis aínda se temos en conta que ese tempo está marcado pola crise), é basicamente o seguinte: contrarrestar a situación económica cos mellores recursos de xestión e innovación. A reorganización trae unha nova faciana ao posto máis alto da división española, a de Helena Herrero, a partir de agora máxima executiva da corporación en España e Portugal. Substituirá a Antonio Crespo á fronte da filial.
Esta xeira de cambios insírese na liña de transformacións xerais no seo da empresa que está imprimir Meg Whitman dende que colleu, hai nove meses, as rendas de HP a nivel mundial. Herrero non é unha profesional acabada de chegar á compañía. De feito, ata o presente desenvolveu o cargo de vicepresidenta da mesma, acumulando en total a cifra nada desprezable de 30 anos de carreira en HP, na que desempeñou diversos postos directivos atendendo eidos de traballo como o sector público, grandes contas, pequenas e medianas empresas ou canles de distribución. O labor de máxima directiva que vén de asumir compaxinarao coa dirección da área de computadores persoais e impresoras.
HP sitúa a Helena Herrero á fronte da división en España e Portugal
Compartir Este Artigo
