Amais de termos a idea que sosteña o edificio, non cabe dúbida de que un dos elementos fundamentais que entran en xogo na creación dunha empresa é a obtención de financiamento. Fundamental á par que complexo. Para evitar que esta peza básica falle, temos materializados na Rede uns cantos servizos que nos indican as portas nas que petar e, sobre todo, acurtan as distancias que nos separan con quen ten cartos que mover e investir. Este mesmo mes de xullo vén de ver a luz, en Vigo, un servizo en liña que recolle todo isto e engade unhas cousas máis de valor. Chámase Inproxect.com e vén da man dun universitario de 21 anos e máis de un informático de 31. O obxectivo non é outro que pór en xogo unha alternativa para o financiamento de proxectos que se atopen en proceso de captación de capital, proxectos empresariais innovadores, claro.
Segundo nos conta Jesús Recouso Tresandí, un dos co-fundadores da iniciativa, estamos ante unha plataforma de crowdfunding, o que significa, entre outras cousas, que aplica ao eido do emprendedurismo as técnicas máis innovadoras da comunicación 2.0. Ou sexa, que coma toda cousa 2.0 baséase en buscar comunidade (e, a partir de aí, apoios e fondos) para proxectos que xorden a título máis ou menos individual. Esta adopción da nova filosofía do crowdfunding (tan vella, en realidade, como facilitar que moitas/os consigan facer o que de outro xeito sería imposible) é unha das grandes novidades de Inproxect.com.
O que se pretende, engade Recouso, é paliar os baleiros existentes no sector, permitindo que as startups e os proxectos de carácter innovador atopen financiamento para desenvolverse e espallarse. Nun plano máis detallado, achégase unha canle de crédito para evitar que a iniciativa se estanque, ao igual que a innovación mesma que xorde dende o seo das nosas empresas. A plataforma en liña é a faciana visible desta arela, unha palestra onde os proxectos son expostos ante un público investidor masivo para acadar fondos.
Esta exposición, contan os responsables da web, non ten custe algún e, ao igual que soe acontecer coas plataformas de crowdfunding, os seus servizos son emprestados a cambio de unha comisión sobre o proxecto financiado “que só se fai efectiva en caso de lograr o devandito obxectivo financiamento”.
Alén disto, o portal complementarase coa creación de unha incubadora de proxectos onde os emprendedores poderán compartir as súas ideas e atopar profesionais que estean interesados en colaborar para converter as devanditas ideas en proxectos sólidos, de cara a unha integración de elementos ligados ao coworking e ao crowdsourcing.
Inproxect, sinalan, fundamenta a súa actividade en tres piares: o financiamento de propostas vinculadas á innovación, a atención personalizada para cada proxecto e, amais de todo iso, a implicación na promoción. A través destes tres conceptos tratarase de contribuír ao afianzamento dos ditos proxectos no mercado para, a través das achegas de múltiples investidores, constituír unha ferramenta “de gran utilidade no novo paradigma do sector financeiro”.
