Cando xa poucos contaban con que se mantivese no tempo unha feira TIC que tivese superado a barreira dos vinte anos de actividade, vén SIMO e reconstrúese a si mesma para parecer, ademais de ser, innovación. De aí, de esta aposta por reactualizar, naceu SIMO Network, a faciana do século XXI dun encontro que, se nos poñemos a contar en serio, ten xa máis de cincuenta anos de vida (de feito as súas siglas queren dicir Salón Informativo de Material de Oficina, para facernos unha idea das cousas que comezou cubrindo). O caso é que o evento, que vén da man de IFEMA-Feira de Madrid (sede a maiores do encontro) celébrase este ano do 25 ao 27 de setembro. A súa importancia, alén dos altibaixos que loxicamente puído ter, é grande.
De aí que haxa movemento xa entre o noso sector tecnolóxico para tirar proveito do seu potencial, é o caso do Cluster TIC de Galicia, que nos recorda que o certame “representa un proxecto global de promoción do uso da tecnoloxía como ferramenta para a mellora da competitividade para empresas e profesionais”. Asemade, salienta a súa capacidade para favorecer sinerxías e potenciar a interacción profesional, “sendo como é un foro de negocio e coñecemento do sector TIC na máis ampla perspectiva”. Para esta convocatoria, o eixe temático ao mesmo tempo que sector convidado será o da Xustiza. Ao fío disto, farase fincapé no gran potencial da colaboración entre un sector e outro, sobre todo no eido da Administración Electrónica, aproveitándose a oportunidade para presentar iniciativas novas neste senso e afianzar os alicerces de proxectos futuros. Contarase para isto co apoio do Ministerio de Xustiza. A maiores, haberá unha nova zona de exposición; WOW CORNER, que reunirá un conxunto de produtos especialmente novos.
A modernización da Xustiza será un dos eixes temáticos da vindeira edición de SIMO Network
Compartir Este Artigo
