Dende Madrid informan da celebración dun encontro TIC dirixido a recadar mans para colaborar na procura dun obxectivo común: o crecemento do sector tecnolóxico-dixital e, a maiores, da economía estatal por enteiro. E todo en base ao coñecemento e á cooperación. Estamos a falar do Personal Innovation Week, ΠWEEK, que vai pola súa segunda edición e que vén da man de Kaleidos, Yaco Sistemas e Secuoyas. Un dos obxectivos deste encontro, que se celebra ao longo de toda semana, é o de facer fronte aos retos nos que se atopa arestora a economía do Estado, “cuns dramáticos recordes do 26% aprobados nos Orzamentos Xerais de 2012 e cunha perda acumulada dende 2009 do 34%”. A raíz disto, só queda o camiño de colaborar e axudarnos co fin de levar diante o carro da innovación.
Os beneficios desta metodoloxía participativa, apoiada en boa medida nos xeitos de traballar e comunicármonos no contorno 2.0, son, segundo se fai saber no evento, evidentes. “Non só se promove entre as empresas a innovación e a creatividade nun contorno multicompañía sen límites”, sinalan as empresas organizadoras, “senón que se poden nutrir da súa experiencia para aplicalo xa a un nivel máis comercial entre os clientes”. Para Pablo Alba, director de Tecnoloxía de Kaleidos, os espazos colaborativos potencian o sector tecnolóxico e isto é un beneficio para todas e todos. Ao fío disto, Gonzalo Villar, CEO de Secuoyas, fixo saber que “se son os propios empregados os que propoñen ideas e traballan nelas, sempre procurando que sexan viables e materializables, isto axuda a fomentar un espírito de competencia san entre equipos e a afianzar as ligazóns entre os traballadores”.
Outra das liñas de actividade do encontro está a ser a reflexión arredor do software libre, que propón escenarios de desenvolvemento que lle acaen especialmente ben ao devandito, ás fórmulas da colaboración. Así, ao longo de toda esta semana, as empresas participantes están a traballar no desenvolvemento de proxectos emprendedores persoais postos en comunidade. Só se piden dous requirimentos: empregar unicamente software libre para o desenvolvemento e, ao termo da semana, achegar unha demostración funcional coa que valorar cales son os proxectos que van seguir adiante e cales ficarán no camiño. Entre os grupos de traballo, a organización salienta Agile Coach (dirixido a cubrir unha necesidade real: procurar un agasallo para alguén cando non se ten tempo) ou o proxecto Chencho (que consiste nun emisor GPS para colocar a nenos e persoas dependentes e localizalos en caso de que se extravíen).
A PIWeek que se celebra en Madrid sinala o camiño da colaboración TIC como o único posible para saír da crise
Compartir Este Artigo
