Yahoo! vén de pasar os días pasados polo seu tormento calixtino particular. Falamos do roubo, sacando a conto a cuestión do tristemente famoso códice compostelán, dunha boa parte do seu activo: ata 400.000 nomes e contrasinais de un arquivo propio da rede Yahoo Contributor. A compañía, se cadra para quitarlle ferro ao asunto, asegurou xa que se trata de menos do 5% dos datos de contas abertas con contrasinais válidos que acubillaba a dita rede. Todo apunta a que a subtracción de datos foi levada a cabo por un grupo de activistas (anónimos polo de agora) que queren pór de manifesto as precarias medidas de seguridade da compañía tecnolóxica.
O grupo en cuestión xa procedeu a amosar a devandita información nun hosting de natureza privada, sen acceso (iso si) para internautas particulares. A manobra semella ser de meirande risco para Yahoo! que para os usuarios de Yaboo!, que ten pedirlles aos seareiros de Yahoo Voices que muden os seus datos de correo electrónico. Segundo apuntan os responsables do ataque nun comunicado, non vai haber uso ilegal da información pero si unha chamada de atención clara para Yahoo!, cuxos servidores web amosan un bo número de buracos de seguridade, sinalan. A empresa, pola súa parte, ataréfase arestora en amañar os seus puntos febles, cambiando contrasinais e notificando ás empresas a identidade das contas que poidan estar en risco de vulnerabilidade.
Subtraen 400.000 nomes da rede de Yahoo! para amosar os seus baleiros de seguridade
Compartir Este Artigo
