O futuro non sé se pode albiscar a través das bólas de cristal, senón tamén dos videoxogos. Así nolo conta estes días Javier Meléndez no blog Yorokobu, onde se atreve a botar man do Sim City 3000 para recrear, punto por punto e paso a paso (todo ben clariño), o que pasaría neste mundo virtual se se aplicasen as metodoloxías económicas que está a pór en xogo o actual Goberno, o real, de España. Claro que é un xogo e é ben posible que o autor achegue o seu elemento extra de crítica, pero a cousa remata en revolta e desmonta virtualmente unha boa parte das teorías do Executivo.
A recreación cubre todo a cadea de acontecementos que nos levou a isto: dende o medre con impostos baixos, o gasto público en infraestruturas ás que non se lles tirou partido, o aumento posterior de gastos e a caída dos ingresos, a suba de impostos, os recortes en servizos públicos e ao funcionariado, o incremento do paro e o rescate económico que sería, como poderemos supoñer, o intre presente. O que vén a partir deste punto é a parte do Sim City equivalente á devandita bóla de cristal. Resumindo, a cousa acaba en enleada e nun clima de crispación comparable a situacións coma o corralito. Entre lumes e esnaquizamentos urbanos, o xogo, quen sabe se cun punto de prudencia, toma a decisión de rematar a partida. A experiencia, segundo dá a entender o responsable dela, non vai encamiñada a establecer científica e empiricamente unha teoría económica que resista calquera embate. Do que se trata, ante todo, é de xogar, e de paso de amosar ata que punto determinadas propostas interactivas son quen de chegar a niveis críticos con relación á realidade (a real) da que parten e na que se inspiran. Segundo explica Javier Meléndez, “entendo pouco de economía, sei cantas bolsas da compra podo encher por 40 euros en cada supermercado de Sevilla, tamén sei que se aplicara as medidas deste Goberno de Rajoy ao xogo de simulación Sim City acabaría por afundir a economía de unha rexión durante décadas”. O artigo en cuestión ten título de bestseller-manifesto: Pode un videoxogo ensinar ao Goberno a saír da crise?
Tiran partido do Sim City para invalidar as medidas económicas do Goberno
Compartir Este Artigo
