Quen tivera ou teña un xiradiscos sabe ben cal é un dos materiais máis axeitados para entrar en contacto cos sucos de cada LP: o zafiro. Esta norma semella que tamén é aplicable, agora, ao dixital. Máis polo miúdo aos discos duros, uns aparellos que aínda non deron a nota máis alta en conservación e fiabilidade pero que, en base ao emprego do dito material, si que semellan ir dando verdadeiras garantías de preservación. E tanto que é así, posto que Andra, unha empresa francesa centrada no tratamento de refugallos nucleares, vén de aplicar o seu coñecemento en cousas que duran no tempo (todo o que é nuclear estará aquí practicamente ata que se acabe o mundo) para deseñar un recurso de memoria a proba de esquecementos.
A súa investigación permitiulle á empresa ter entre mans un prototipo de disco duro a base de zafiro que tería un tempo de vida útil que sobrepasaría, aínda que pareza mentira, o prazo estipulado por Novagalicia Banco para permitir a recuperación dos aforros dalgúns clientes das preferentes. Enleadas aparte, falamos de un millón de anos de vida útil. No disco duro en cuestión, os datos estarían acubillados empregando o platino. O custe do prototipo foi de 30.000 euros, ou sexa que para facernos cun exemplar, no futuro, teriamos que cumprir a dupla condición de ter cousas de moito valor para gardar (algo mellor que unha lista da compra) e de ter un bo feixe de billetes no banco para investir en tecnoloxía.
Presentado un prototipo de disco duro que achega un millón de anos de vida útil
Compartir Este Artigo
