A empresa galega Alcatraz, especializada en servizos e asesoramento de cara á garantirmos a protección dos datos privados, con especial atención aos eidos dixitais, vén de presentar o seu modelo de franquicia no negocio da salvagarda da información. E faino nun contexto preocupante para as nosas empresas en relación aos regulamentos vixentes: un contexto no que só o 18% das PEME cumpren coa normativa, estando esta en pleno proceso de endurecemento e, polo tanto, prevéndose unha suba na contía das multas (estas poderían chegar ao millón de euros).
Volvendo ao modelo presentado, dicir que o que se busca con esta iniciativa é pór a disposición dos emprendedores a infraestrutura da propia Alcatraz (na Rede a través do selo Lopdgest) con todo o que isto implica: dereito de uso das marcas, produtos e servizos de Alcatraz, formación continuada, apoio comercial para a creación do equipo, cesión de acordos comerciais, charlas ou conferencias.
E “todo isto”, engade a empresa galega, “cunha metodoloxía única de adaptación por pasos, o que fai que o franquiciador co seu equipo especializado de avogados en protección de datos realice tódalas accións de adaptación dos seus clientes”. Segundo indica Leopoldo Mallo, director xeral da compañía galega, o alicerce sobre o que está a sustentar esta iniciativa é a realidade actual da salvagarda da información privada e persoal, hoxe en día presente en tódolos ámbitos e actividades, marcando unha serie de límites no emprego dos datos afectando a tódalas empresas, públicas e privadas e con total independencia do seu tamaño. De feito, en maior ou menor medida, sinala, todas elas manexan información persoal de persoas físicas (clientes, provedores, empregados, colaboradores, accionistas) rexistrados en algún tipo de soporte dixital ou físico e, polo tanto, susceptibles de tratamento.
“Por esta razón”, explica Mallo, “a potencialidade dos servizos de protección non ten límites”. A actividade de Alcatraz, máis polo miúdo, baséase no deseño dunha normativa obrigatoria para o cen por cen das empresas e profesionais. As condicións para ser franquiciado da empresa galega “son mínimas”, sinálase: canon de entrada (entre 10.000 e 25.000 euros, en función do potencial do mercado franquiciado ou da existencia dun fondo de comercio xa creado) e requisitos de aptitude (dotes comerciais e de xestión de equipos, ser emprendedor). A política de Alcatraz establece que non existan royalties fixos para “así evitar que os franquiciados teñan unha estrutura de custes permanentes”.
A galega Alcatraz presenta un servizo de franquicia no eido da protección de datos
Compartir Este Artigo
