
Entre os colectivos atopábanse (entre outras moitos) a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, ANPA Valentín Paz Andrade, Asociación de Veciños de Ventosela, Comité Universitario do Campus de Ourense, Cáritas Interparroquial de Arousa, etc.
A cita coa Universidade foi este xoves 19, e a través dela, cada entidade recibiu cadanseu equipo informático que no seu día quedou obsoleto para o traballo diario na institución educativa pero que tras pasar polo Grupo de Reciclaxe Informática da Universidade de Vigo, Gruvi, foron recuperados e actualizados con software libre para doalos a asociacións, fundacións, ONG, etc. Segundo indicou no transcurso do acto de doazón Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria, trátase dunha serie de material que no Campus xa non se empregaba, pero que si que amosa utilidade para moitas outras partes da sociedade. A maiores dixo que non se trata de equipos aos que se lles vaia aplicar unha política de desprendemento total, senón que o obxectivo é facer un seguimento de cada un deles, poñendo en marcha un plan de trazabilidade para seguir o seu itinerario “por se algún día non serve que non vaia ao lixo senón que volva a nós”. Respecto ás solicitudes de aparellos recibidas, Ricardo Corderí (xefe do Servizo de Extensión Universitaria) explicou que este ano contabilizáronse solicitudes de 66 asociacións “pero non temos para todas polo que foi precisa unha criba”, subliñou.
O programa púxose en marcha no curso 2005-2006 e, dende entón, foi medrando tanto na cantidade de material como no número de solicitudes por parte das asociacións.
As ONG galegas reciben computadores reciclados con software libre da man da Universidade de Vigo
Compartir Este Artigo
