Cadernos de Comunicación e Análise, un dos medios dixitais integrados na alianza Vitaminas para o Galego, ten entre mans un novo proxecto comunicativo que dar a coñecer entre a comunidade internauta galega en calquera das súas manifestacións e emprazamentos: ben sexa radicada aquí ou nos restantes países do mundo. De feito, este novo proxecto ten moito de iniciativa de longo alcance, sendo como é unha emisora en liña, RadioCadernos, que emite en probas dende o pasado Día da Patria, o 25 de xullo.
O servizo xorde co obxectivo de ser unha canle aberta de comunicación entre as galegas e os galegos espalladas/os no mundo, centrando unha boa parte dos seus contidos e dos seus servizos nesta cuestión da diáspora e das posibilidades de contacto coa terra que se establecen vía as redes. A idea é apostar en boa medida pola lingua galega, achegando información ligada á cultura en calquera das súas facianas e expresións.
Arestora atópase en fase de probas, emitindo entre un e dous días entre semana e máis sábado e domingo. Sae ao eido en liña, ademais, con streaming de seu a través dun arquivo para descarga.
RadioCadernos: nova emisora en liña para estreitar contacto coa emigración galega
Compartir Este Artigo
