A Plataforma en Defensa do Sector Marítimo Pesqueiro de Galicia (PLADESEMAPESGA) vén de facer reconto dos froitos acadados, en materia de seguimento e repercusión informativa, a través da súa web. A páxina, informa esta entidade centrada na loita a prol da sustentabilidade do noso mar e da defensa do sector pesqueiro, ten contabilizado máis de 500.000 accesos ao día, o que a sitúa, en palabras do colectivo, “como o primeiro referente mundial do mundo marítimo e pesqueiro en español”. Asemade, engaden, rexistrouse unha media de 300 mil lectores únicos e unha cifra de socios que anda a rentes dos 7.000.
A clave disto, sinala a plataforma, está por unha banda nos proxectos e recursos desenvolvidos dende o seo da asociación en beneficio dos sectores marítimo e pesqueiro (estudos, investigación, publicacións, exposicións, xornadas, conferencias, congresos, foros, cursos) , e, por outra banda, na aposta xeral, dende a páxina web, “por unha información libre de presións políticas, subvencionadas e fraudulentas, acompañada dun esforzo por achegar aos internautas á actualidade máis próxima ao eido marítimo”.
ACTUALIZACIÓN: Dende Código Cero queremos desculparnos pola publicación desta nova, que unha vez analizada é radicalmente incorrecta por estar baseada nun comunicado de PLADESEMAPESGA totalmente carente de rigor. A páxina web indicada ten un número de visitas totalmente insignificante, figurando na posición 2.785.006 do ranking de Alexa o que sería imposible para un espazo en liña que presume de ter preto do dobre de accesos diarios que a páxina web de La Voz de Galicia (situada no posto 5.475 do devandito ranking).
