A Asociación Cultural Proxecto Trasno, responsable de cousas como a tradución ao galego de todo tipo de programas de uso común (Inkscape, Mandriva Linux, Chrome OS, o contorno KDE ou LibreOffice e OpenOffice), vai participar arreo na quinta edición do Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre cun recoñecemento a un labor de primeira liña e que lles toca de preto aos membros da dita asociación e a toda a cidadanía galega: o labor de promoción da nosa lingua nas novas tecnoloxías da información.
Con esta Mención especial, cun premio por valor de 800 euros, preténdese “incentivar o desenvolvemento de software libre orientado á creación e mellora de ferramentas para o apoio da localización de software libre ao galego”, sinalan dende o colectivo cultural. Como se indican nas bases da distinción, poden optar a esta mención aqueles proxectos:
· Que consistan no desenvolvemento de novas ferramentas de localización e tradución ou contribúan a algunha xa existente.
· Que faciliten o traballo no campo da lingüística aplicada e a tradución.
· Que melloren ou axilicen o labor de tradución e localización de software libre, especialmente ao galego
Lembrar que o Proxecto Trasno é punto de encontro do voluntariado de tradución de software libre ao galego. O proxecto leva activo e en pé dende finais do ano 1999 e abrangue aos grupos de tradución ao galego dos principais proxectos de software libre. A Asociación Cultural Proxecto Trasno naceu do seo do Proxecto Trasno no 2009 co fin de darlle soporte legal e mantelo viable de cara ao futuro.
Trasno recoñecerá cun premio o compromiso a prol do galego nas TIC
Compartir Este Artigo
