As riquezas paisaxísticas galegas teñen fortes raizames, xa, na Rede. Están á vista de quen queira velas, como reclamo, fonte de coñecemento e preservación do noso. Á longa serie de iniciativas postas en marcha na Internet para divulgar o que temos (e que non sempre valoramos como se debe), propostas como Turgalicia.es, Galicia Auténtica ou Limia Verde, cómpre engadir agora Ourense en Verde, un portal web que vén da man da Deputación e que inclúe, á vista do mundo (galego e de máis alá), información sobre os parques naturais, reservas da biosfera e zonas de interese local da provincia, “co fin de promover Ourense como destino dun turismo sostible e ecolóxico”, sinalan fontes do órgano provincial.
O portal, por certo, xa leva uns cantos días activo. Foi presentado o pasado 24 de xullo na sede da Deputación, amosándose a iniciativa como “un espazo que ten como obxectivo achegar aos cidadáns o coñecemento do patrimonio natural da provincia”. A iniciativa enmárcase no Plan OURENSE 92 e baséase en sistemas de información xeográfica, abranguendo datos sobre o patrimonio natural da provincia e os seus valores máis salientables: parques naturais, reservas da biosfera, monumentos naturais e zonas de interese local, permitindo tamén a busca destas localizacións por municipios. A web tamén pon á vista o seu alicerce documental e abre novas xanelas a outras fontes de datos sobre os devanditos emprazamentos turísticos e paisaxísticos.
No pulo ao portal, amais da Deputación, tamén participou o CEIDA, (o Centro de Extensión Universitaria e divulgación Ambiental de Galicia), quen xa ten colaborado coa Deputación en accións previas como o Congreso de Educación Ambiental dos Centros de Ensino de Ourense, celebrado no ano 2011.
Ourense Verde achega coñecemento de valor sobre os 3 parques naturais da provincia, dúas reservas das biosfera, dez lugares de importancia comunitaria, zonas de especial protección para as aves, 3 monumentos naturais, 2 espazos naturais de interese local e outros puntos de valor turístico ou medio ambiental. Para os responsables da posta en marcha desta web, os lugares a onde nos conduce o portal amosan ás claras que a nosa provincia é unha das que conta, a nivel estatal, cunha maior riqueza natural.
En marcha a web Ourense en Verde para divulgar o extraordinario patrimonio natural da provincia
Compartir Este Artigo
