En Facebook non é real todo o que se ve. De feito, segundo os últimos estudos que teñen á rede social no punto de mira (curiosamente feitos pola propia rede social), unha comunidade que xa anda a rentes do 1.000 millóns de usuarios, case o nove por cento das identidades que hai no seu seo non responden á persoa ou entidade á que din responder. Ou sexa, que son falsas ou ben son duplicacións ou reclamos de spam. Estamos a falar da cifra nada desprezable de 83 millóns de contas falsas, o 8,7% dos usuarios da rede social, segundo fai saber o servizo 2.0 ao abeiro dos datos sobre o seu exercicio fiscal no segundo trimestre de 2012.
No informe achéganse estatísticas específicas dos membros da comunidade por países, dándose a entender que as razóns da desproporcionada porcentaxe de identidades que non son as que din ser débense sobre todo ás repeticións (xente que abre unha conta e logo abre outra deixando á deriva a primeira), aos inclasificables (mascotas, cousas) e os indesexables (que son contas postas en marcha para subministrar correo lixo e para enzoufar Internet). Deste xeito, o 4,8% das contas falsas son duplicadas, o 2,4% non son de persoas nin de entidades recoñecibles e o 1,5% responden a iniciativas de spam.
O 8,7% das contas de Facebook son falsas
Compartir Este Artigo
