Utilidades da tecnoloxía sen fíos hai moitas, en teoría todas elas relacionadas con facernos máis doado o acceso á información, pero poucos de nós imaxinabamos que hai quen lle está a tirar partido ao Wi-Fi para mellorar a seguridade dos peóns nas nosas rúas, cousa que certamente non está de máis, tendo en conta a longa cantidade de xente que camiña ou conduce, nos espazos urbanos, como se aínda non se tivese erguido da cama. Este de traballar a prol de evitar atropelos é o cerne da aplicación que impulsa General Motors a través da certificación Wi-Fi Direct, e consiste, especificamente, nun dispositivo que conecta trebellos de xeito directo abrindo un novo eido de opcións para seguridade.
E máis aínda cando temos a seguinte liña de partida: automóbiles equipados con tecnoloxía sen fíos e con capacidade de establecer contacto con todo tipo de puntos de conexión ou aparellos que empreguen a certificación Wi-Fi Direct. Nun plano máis detallado, estes desenvolvementos de General Motors poderían, chegado o caso, aplicar a seguridade requirida a un espazo onde se cruce un camiño de peóns con outro por onde circulan automóbiles. Coa dita tecnoloxía, o problema de non vermos o coche ou de que o condutor non nos vexa deixaría de ter a importancia dramática que ten a día de hoxe. De feito, serían as máquinas as que porían a atención que nos falta, establecendo contacto o Wi-Fi Direct do vehículo co do aparello smartphone do viandante, facéndolle saber ao condutor da presenza dun peón. O potencial do servizo é grande tamén para reducir en boa medida o número de sinistros entre coches e bicicletas, cousa moi a ter en conta agora que todo indica que o número de ciclistas vai ser cada vez maior nas nosas cidades.
General Motors traballa con tecnoloxía Wi-Fi para reducir os atropelos nas estradas
Compartir Este Artigo
