
O informe da ONTSI sobre Os cidadáns ante a e-Sanidade, realizouse a través de enquisas en 2011 e avaliou aspectos como o perfil dos internautas que buscan información sobre saúde na rede, o número de usuarios máis activos buscando esta información, o tipo de información buscada, ou o coñecemento e uso das ferramentas postas a disposición do usuario, entre outros.
Cita previa a través de internet
A petición de citas de Atención Primaria a través de internet é o servizo máis consolidado e cada día son máis os cidadáns galegos que empregan esta ferramenta. En concreto, un total do 100% dos centros de Atención Primaria (é dicir, o 100% dos cidadáns galegos) dispoñen do servizos de citación por internet. Tamén máis do 87% dos centros de Atención Primaria poden citar telematicamente para Atención Especializada.
Case un millón e medio de citas médicas foron solicitadas a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde durante os sete primeiros meses deste ano (xaneiro a xullo incluídos).
A petición de cita previa médica para acudir ao centro de saúde iniciouse en novembro de 2001. Con esta iniciativa, pioneira en España, a Consellería de Sanidade perseguía o obxectivo de facilitar aos cidadáns as interacción e relacións coa Administración sanitaria. Este servizo compleméntase con outros servizos de acceso individualizado dos pacientes como consulta da súa situación persoal na lista de espera cirúrxica.
Do total de citas médicas solicitadas, o 9,47% son tramitadas a través da páxina web fronte a outras fórmulas como pode ser por medio do teléfono, ou dende o propio centro de saúde. Unha porcentaxe que medra cada ano, o que axiliza moito o traballo administrativo do propio centro de saúde e proporciona máis comodidade ao cidadán.
Tamén podemos lembrar que tal é a demanda deste servizo en liña que levou ao desenvolvemento dunha aplicación para móbiles Android e outra para iPhone e iPad, facilitando a solicitude de citas en mobilidade.
