No medio da crise económica, hai tendencias a contracorrente. Por exemplo a tendencia do comercio electrónico, que segundo o último informe do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, ONTSI, segue a medrar en España. Máis polo miúdo, vén de superar os 10.900 millóns de euros. Esta boa nova para o sector TIC, detallada de xeito exhaustivo no Estudo sobre Comercio Electrónico B2C 2011, Edición 2012, compleméntase coa seguinte porcentaxe de crecemento: do 19,8%, con respecto ao ano anterior. A que se debe isto? Segundo o observatorio, a suba do comercio electrónico débese sobre todo a outro aumento: a do número de internautas compradores, que medaron nun 20,2% e sitúanse nos 13,2 millóns de persoas.
Polo que atinxe ao comportamento do comprador, percíbese, iso si, unha certa caída no seu gasto mensual, e o mesmo acontece coa frecuencia da compra. Tamén aparecen lixeiros cambios no seu perfil, xa que hai máis persoas adultas e en contornas máis reducidas. No informe tamén se salienta o espallamento de novos sitios de compra, como as páxinas de cupóns-descontos, as de poxas ou as de venda privada. Por outra banda, as redes sociais dan pulo ao e-commerce, de xeito indubidable, ao comportárense como piares ou motores do mesmo (cada vez son máis usadas polas empresas para chegar aos seus clientes, e o factor boca a boca relativo aos produtos e servizos en venda na Rede, tamén axuda). Por produtos, os que máis se venden por estas canles son os relacionados co sector turístico. Cousas como billetes de viaxe, aloxamento ou espectáculos.
O informe foi presentado este xoves 25 polo director xeral de Red.es, Borja Adsuara, quen estivo acompañado, en Madrid, pola presidenta de ADigital, Elena Gómez del Pozuelo, e o director do Observatorio Nacional das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (ONTSI), Pedro Martín Jurado.
Medra unha vez máis o comercio electrónico, malia a crise imperante
Compartir Este Artigo
