
O sensor opera en boa medida ao xeito dunha cámara fotográfica, “só que no canto de ter os tres canais típicos –RGB, red, green, blue- ou unha ducia de canles como os sensores multiespectrais vai un paso alén e acada centenares de bandas”, informa AtlanTIC. E engade: “É o que se coñece co nome técnico de sinatura espectral de reflectancia de cada punto na imaxe ou, explicado de xeito máis sinxelo, é como se ti cando fas unha foto, cada píxel, en troques de ter estas tres cores, tiveras unha gráfica que representa a reflectividade desa parcela de terreo ao longo do espectro”.
Unha das vantaxes da tecnoloxía desenvolvida polos investigadores de AtlantTIC é o seu reducido tamaño e o feito de poder ser operado dende aeronaves miúdas. “Os anteriores sistemas teñen o tamaño dunha neveira e precisan bimotores especialmente equipados para voalos, algo fóra das posibilidades económicas de moitas empresas interesadas en empregar este tipo de dispositivo”, subliña o centro vigués.
A chegada á Antártida foi realidade grazas ao proxecto Propolar, programa portugués. Por primeira vez e para agradecer o acubillo que se lle ten prestado aos investigadores lusos (que non teñen alá base fixa), o país irmán convidou a un salientable equipo de expertos internacionais para unirse á campaña, entre eles o investigador da Universidade Julio Martín, de AtlanTIC. A achega viguesa centrarase no estudo do solo da Antártida, xeado todo o ano, e o seu comportamento perante as variacións do clima. Os traballos xa desenvolvidos centráronse na rexión da península Antártica, en especial as illas Shetlands do Sur, “onde as condicións meteorolóxicas son moi extremas”, sinala a Universidade de Vigo. Os primeiros datos obtidos co sensor vigués fixéronse públicos hai un par de meses e os responsables de Propolar volveron amosar o seu interese en contar con AtlantTIC para un novo intento, esta vez con infraestrutura do programa polar coreano (KOPRI).
Investigadores de AtlanTIC levarán nova tecnoloxía á Antártida para estudar o seu solo
Compartir Este Artigo
