O Concello de Brión vén de anunciar que nos vindeiros seis meses colaborará nun proxecto experimental a cargo da Universidade da Coruña (UDC) e organizado dende o grupo de investigación que dirixe o catedrático José Carlos Millán Calenti, proxecto do que xa temos falado en Código Cero con motivo do seu desenvolvemento. A idea en cuestión baséase en tirar partido do dito proxecto para un programa de telexerontoloxía local, isto é, un plan que prevé dar acceso gratuíto a contidos multimedia a usuarios e usuarias maiores de 65 anos.
O punto de acceso atoparase na aula de informática do centro social de Pedrouzos (Brión) e consistirá nun sinxelo servizo artellado arredor dunha pantalla táctil conectada a internet, pola cal os maiores poderán ter asistencia por videoconferencia, someterse a probas de saúde, etc. Engadir que cada usuario terá o seu perfil de acceso e poderá empregar o servizo no intre que prefira.
A dita proposta ficou inaugurada dende esta mañá e foi presentada no centro social de Brión por parte da psicóloga María José Fares, ao acto asistiron unha trintena de maiores e os responsables do Departamento de Servizos Sociais de Brión.
Os asistentes ao acto puideron comprobar de primeira man o mecanismo do trebello: cun só dedo pódense realizar diversas actividades como facer exercicios de memoria, atención e recoñecemento de imaxes, seguir vídeos, xogar ao “Pasapalabra”, gozar de asistencia por videoconferencia… e nun futuro mesmo permitirá someterse a probas biomédicas dende a casa (presión sanguínea, saturación de osíxeno no sangue…).
Maiores de Brión participarán no programa de telexerontoloxía da UDC
Compartir Este Artigo
