Jesús Gamallo moderou unha mesa redonda sobre Open GovernmentNo marco da IX Conferencia Internacional da Sociedade Europea da Información (EISCO) 2012, Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, participou como moderador unha mesa redonda sobre Crecemento Intelixente e Goberno aberto: Oportunidades para as Axendas Dixitais Locais, no marco da Conferencia Open Government in Europe: a challenge for the Digital Local Agenda que se desenvolve en Guimarães os días 12, 13 e 14 de novembro, organizada pola AECT Galicia-Norte de Portugal, a Rede Europea para a Sociedade da Información (ELANET) e a Asociación de Municipios do Vale do Ave (AMAVE) para impulsar e fomentar a cooperación entre as distintas administracións públicas da Eurorrexión. Gamallo defendeu en Guimarães a aposta da Xunta por achegar a Administracións aos cidadáns da Eurorrexión a través das TICNa súa intervención, o director xeral defendeu a necesidade de desenvolver unha axenda dixital para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, mediante un modelo sistemático de implantación da sociedade da información, participativo e adaptable a cada concello da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Tamén avogou por incrementar o coñecemento e por optimizar o uso dos recursos públicos ao servizo da Sociedade da Información, co obxectivo de acadar unha Eurorrexión do coñecemento e da proximidade, de acordo cos requisitos da Estratexia 2020 da Unión Europea, a prol dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. A Conferencia EISCO 2012 é o principal evento europeo que reúne a políticos e expertos que traballan a nivel local e rexional na área da gobernanza dixital (o e-GOV) e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) para discutir sobre as estratexias da sociedade da información e da administración electrónica. Nos tres días de duración do evento debátense temas diversos como o Crecemento intelixente, a Axenda Local Dixital en Europa, e o Open Government como eixe de conexión entre a administración pública e os cidadáns. Conta coa presenza de mais de 400 persoas procedentes duns 30 países e representantes de varias institucións nacionais e europeas.